Česká centra, Czech Centres

Česká centra / Czech centres - logo

About us in Media

Emocionante representación da ópera infantil "Brundibár" no Teatro Principal

santiagodecompostela.gal, 17. 12. 2016

O Teatro Principal acolleu co seu aforo completo e cun público emocionado ao longo de toda a representación a ópera infantil Brundibár, con música do compositor Hans Krása e libreto de Adolf Hoffmeister, dous músicos que, ao igual que outros moitos membros deste colectivo, así como artistas plásticos, xentes do teatro ou escritores pasaron e morreron no campo de internamento de Terezín ou noutros campos de concentración como Auschwitz ou Mauthausen.

Terezín, situada na actual República Checa, foi unha antiga guarnición militar, que foi convertida en gueto polos alemáns en 1941. Este lugar era utilizado como lugar de tránsito ao campo de exterminio de Auschwitz. O aparato de propaganda nazi procurou estender a idea de que se trataba dunha "cidade balneario", onde se podían retirar os xudeus de idade avanzada. De feito, alí concentraron a moitas persoas xudías, así como a políticos, artistas…

Neste lugar foi representada a ópera Brundibár máis de 55 veces polos nenos e nenas internados en Terezín. A mensaxe desta peza operística de que a bondade vence sobre a maldade actuaba como unha gran motivación para os oprimidos prisioneiros, xa que o personaxe de Brundibár asemellábase ao de Hitler. Para os que podían entendela e interpretala, nenos e nenas sobre todo, así como para os que tiñan a oportunidade de gozar coa súa posta en escena, representaba unha distracción que lles apartaba momentaneamente da súa dura realidade cotiá.

Entre as preto 150.000 persoas que foron a parar alí estaba a nena Dagmar Lieblová, que formou parte do coro de nenos e de nenas desta obra musical. Hoxe, sentada no Teatro Principal, foi unha vez máis memoria viva duns feitos que representaron o peor da condición humana. Dagmar Lieblová sobreviviu a aquela infamia, pero as 33.000 persoas que morreron en Terezín e a maior parte dos 88.000 deportados dende alí ata os campos de exterminio nazi, non.

Visita ao Concello 
O pasado venres, na súa visita ao Concello de Santiago, Dagmar Lieblová compartiu uns minutos co alcalde de Santiago, Martiño Noriega; co concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; e con membros da Asociación Amigos da Ópera de Santiago, entre outros. Con eles, aos seus 86 anos, deixou constancia do seu compromiso coa súa voz serea e firme: é importante que as persoas coñezan a nosa historia, aprendendo a non discriminar a ninguén e a seguir mantendo unha actitude de rexeitamento do racismo e da xenofobia, confiando en que, a pesar das dificultades, a Europa actual saiba solucionalas.

A produción de Brundibár, a cargo da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, contou coa dirección de escena e o traballo actoral dun dos nosos intérpretes de maior recoñecemento, Cándido Pazó. Foi unha interpretación que por momentos resultou sobrecolledora.

Tamén foi recoñecida polo público a participación dos noveis músicos e músicas que integran a Orquestra Praeludium, baixo a dirección de Mateo Iglesias Seoane. Do mesmo xeito, aplaudiron aos/ás integrantes da Escolanía da Catedral de Santiago, co seu director á fronte, José Luis Vázquez López.

Unidade didáctica, partitura e traducción 
O Departamento de Educación encargouse da edición do cartel anunciador deste evento musical e da edición -dentro da colección de materiais didácticos Coñecer. Santiago, cidade educadora- dunha guía didáctica, elaborada polas profesoras Mercedes Blanco e Adela T. Maroño. Esta publicación indica no seu limiar que ten o obxectivo de "servir de ferramenta para preparar ao público infantil, de xeito que se achegue e descubra o mundo da ópera a través de Brundibár, pois ao coñecela e entendela mellor a través das diferentes propostas de actividades que se propoñen na guía, poderá non só gozar máis da asistencia ao espectáculo, senón afondar en acontecementos históricos e todo un conxunto de valores".

Ademais, foi importante o papel do músico e pedagogo compostelán Fernando Reyes na acomodación da partitura e de Katerina Vlasakova -primeira profesora de checo en España e actual directora do Centro de Linguas Modernas da USC- na tradución do checo ao galego do texto operístico. 

Fuente